Neste ano Xacobeo, un dos puntos de referencia na andadura galega é sen dúbida a colexiata de Iria Flavia, tamén coñecida coma Santa María de Andina. Din que foi alí onde o Apóstolo Santiago comezou a predicar en terras galaicas e onde se descubriu o seu sepulcro un 25 de xullo do ano 813. Malia que data dos séculos XII e XVII, é considerada unha das igrexas máis antigas de Galicia xa que se construiu sobre un templo orixinario da primeira centuria.
Nas oficinas de turismo afártanse de eloxiar a representación da Adoración dos Reis Magos que se atopa na fachada e mesmo reseñan con esmero as súas torres oxivales, especiais pola forma escalonada que posúen. Sen embargo, para o turista afastado dos excelencias arquitectónicas, a colexiata de Iria Flavia consegue turrar dos sentidos polo camposanto que rodea o perímetro da igrexa e que confire ó conxunto un ar tinxido de cores mortuorias. Nin tan se quera a cegadora luz do mediodía estival consegue disimulalo tétrico efecto que outorga esta peculiar estampa asediada polas tumbas.
Máis aínda, para un galego afeito ás estructuras parroquiais, nas que as igrexas constitúen o eixe de unión dos aldeáns, semella estraña a visión do adro atestado de nichos: O terreno non deixa oco libre para as xuntanzas dos veciños, para os xogos dos nenos ou para a celebración das tradicionais verbenas que poñen música e cor no eirado relixioso e que constitúen unha das clásicas postais da Galiza máis rural. Ademáis, o descobremento dos antigos sarcófagos que agora decoran o acceso a capela, tampouco contribúen a mellorala sórdida paisaxe.
Por mor disto, tamén cómpre sinalar que é o propio cimiterio o que lle da caracter á colexiata de Iria Flavia, xa que pocuas terras poden xactarse de agochar baixo o seu manto algunhas das plumas maís recoñecidas polo mundo adiante. O feito de que a gran Rosalía de Castro fose enterrada nel -malia que a finais do século XIX o seu corpo foi trasladado ó Panteón de Galegos Ilustres de Santiago- e de que o Premio Nobel de Literatura Camilo José Cela nacera na pequena vila e aínda repouse baixo unha das árbores do camposanto de Andina, fan deste sitio o fogar común dalgúns dos ilustres do noso país, un cemiterio que acolle entre os seus cipreses, parte da historia dourada da literatura galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario